💡🔬 EXPERIMENTOS CIENTÍFICOS SINXELOS PARA CRIANZAS. ACTIVIDADES PARA FACER NA CASA: HORTO NA CASA
HORTO NA CASA
Esta é unha actividade moi típica nas aulas de educación infantil. As crianzas están naturalmente vencelladas ao medio natural e interesadas por el e os seus procesos.
- Unha versión sinxela consistiría en introducir nun vaso unha bóla de algodón húmido cun garavanzo e deixalo ao sol, ou fonte de calor, (mantendo sempre húmido o algodón) durante días ata que xermine. Posteriormente transplantaríase a un recipiente con terra.
- Unha versión algo máis completa sería observar cada día o noso garavanzo e rexistrar (debuxando ou escribindo) cal é o estado da legume cada día.
- Hoxe presentámosvos unha versión algo máis completa xa que ademais de observar o proceso, tentamos controlar as condicións ou variables de humidade e temperatura; para poder tirar conclusións ao final do experimento.
Proceso: Introducimos en cada vaso unha bóla de
algodón cun garavanzo (ou lentella, faba...) dentro, mantendo mollado, ao longo
de todo o experimento, o algodón de tres dos catro vasos.
Situamos cada vaso, dos que conteñen o algodón mollado, nun
lugar diferente: no frigorífico, nun lugar con pouca luz (penumbra) e outro nun lugar onde
lle dea a luz do sol, ou fonte de calor.
Debemos esperar uns días e veremos o que acontece. Cales
xerminaron? Que cres que necesitan (que condicións deben ter) para facelo?
Durante todo o proceso animade ás crianzas a que observen, cada día, o aspecto das súas sementes e que tenten recoller esta información. Podedes deixar que decidan libremente como poden facelo ou ben animalos a que cubran unha folla sinxela de rexistro.
Na folla que nós vos presentamos quedarán rexistradas as condicións que ten cada semente, cun código:
- Colorear a pinga: con humidade.
- Riscar a pinga: sen humidade.
- Colorear sol grande: moita calor.
- Colorear o sol pequeno: algo de calor.
- Riscar os soles: ambiente frío.
Para imprimir esta sinxela táboa podedes facelo PREMENDO AQUÍ
Non vos preocupedes se non contades con impresora, podedes elaborar vós mesmos/as unha táboa similar ou procurar coas crianzas outra maneira de rexistrar os cambios.
Non vos preocupedes se non contades con impresora, podedes elaborar vós mesmos/as unha táboa similar ou procurar coas crianzas outra maneira de rexistrar os cambios.
Nós tamén fotografamos todo o proceso, e deixámosvos aquí o resultado da nosa observación, tanto dos primeiros días nos que as sementes estaban entre algodón, como nos posteriores cando xa as transplantamos na terra:
Explicación: Modificando as condicións de cada semente durante este proceso observamos o feito de que sen auga as sementes non xerminan. Tampouco con baixas temperaturas (frigorífico). Fan falta, polo tanto, auga e un mínimo de calor. Poderedes observar tamén que a planta que nace do garavanzo que tivo, ademais de humidade, máis calor é moito máis forte, desenvolveuse mellor que a que estaba en penumbra, con menos temperatura.
Comentarios
Publicar un comentario