🤸 🤸‍♂️ XOGOS DE MOVEMENTO PARA CRIANZAS. ACTIVIADES PARA FACER NA CASA: MOVÉMONOS Á PAR


MOVÉMONOS Á PAR 


Este é un xogo de coordinación, onde tamén se poñen en acción a atención, o control corporal, memoriaorganización espacial... Moverémonos sobre un “taboleiro sinxelo improvisado” e as crianzas terán que imitar os nosos movementos nun taboleiro igual ao noso, permanecendo sempre fronte a nós. 


Acordade con eles/as como construílo. Podedes empregar follas ou cartolinas de cores. Se non tedes ese material, podedes colorear follas brancas e construílo por vós mesmas/os. Outra opción é que, en lugar de cores, empreguedes debuxos sinxelos.

Facede primeiro movementos sinxelos: pisamos o violeta e volvemos ao comezo, a crianza repite imitándonos. Despois pisamos o verde e volvemos ao comezo, e a crianza fai o mesmo movemento no seu taboleiro... Podedes complicar un pouco esta fase inicial do xogo, completándoa con movementos diferentes: podemos pisar cos dous pés, podemos poñer só un pé, podemos apoiar unicamente o talón ou unicamente a punta do pé...
Despois podedes facer secuencias: 1º pisamos verde, 2º laranxa, 3º amarelo, e volvedes ao inicio. Despois as crianzas repetirano. Ide engadindo elementos á secuencia, para así ir complicándoa, para que o reto sexa cada vez maior.


Podedes complicar aínda máis a este xogo se non facedes movementos globais, é dicir, se cada movemento se corresponde só cunha parte do corpo, por exemplo: pé esquerdo amarelo – pé dereito rosa. 



Animádevos tamén a que sexan as crianzas as que propoñan os movementos ou as secuencias e sede as persoas adultas as que as imiten, cambiando así os roles. Así terán que ser eles/as as que creen e imaxinen novas posibilidades.

Esta proposta pódese adaptar tamén para facérmola sentadas no medio do taboleiro, e serán as mans as que se movan de maneira coordinada creando secuencias.


O traballo corporal e movemento desenvolve destrezas e habilidades como atención, concentración, creatividade, capacidade de pensamento, resolución de problemas, axilidade, rapidez, flexibilidade.
                David Bueno i Torrens


Comentarios

Entradas populares de este blog

💡🔬 EXPERIMENTOS CIENTÍFICOS SINXELOS PARA CRIANZAS. ACTIVIDADES PARA FACER NA CASA: FLOTACIÓN

😃🏡 ACTIVIDADES DA VIDA DIARIA NA CASA PARA FACER COAS CRIANZAS: RASGAR PAPEL

🤸 🤸‍♂️ XOGOS DE MOVEMENTO PARA CRIANZAS. ACTIVIADES PARA FACER NA CASA: MARIOLA