💡🔬 EXPERIMENTOS CIENTÍFICOS SINXELOS PARA CRIANZAS. ACTIVIDADES PARA FACER NA CASA: TINTA INVISIBLE
TINTA INVISIBLE
Gustaríache facer tinta invisible para deixar unha mensaxe secreta para xogar ás detectives? Pois só precisas un limón, algodón ou un pincel, unha folla de papel e unha candea (ou calquera outra fonte de calor).
O primeiro será espremer o limón, xa que empregaredes o zume do limón como se fora tinta. Despois, axudándovos dun algodón, dun pincel ou co propio dedo, facede o debuxo que queirades sobre o papel. Deixade que desfruten do proceso de espremer, do tacto e olor do limón, dádelles tempo para pararse no proceso. Finalmente, só teredes que deixar secar o zume antes de enviar a mensaxe secreta.
A persoa á que llo enviedes terá que aplicarlle calor para descubrir a mensaxe ou poñelo á contraluz. Para isto precisará unha candea ou lámpada, secador do cabelo ou similar. Nós empregamos un ferro de pasar:
Podedes animar ás crianzas a que proben a facer o mesmo proceso con outras substacias (leite, zume de mazá...). E con esas substancias, funciona?...Que terá o zume do limón que o fai ser unha tinta invisible para mensaxes secretas? Animade a que tenten buscarlle unha explicaicón.
Explicación: O zume do limón contén un ácido (ácido cítrico) que é un sólido de cor branca, polo que inicialmente non se distingue do papel da mesma cor. Posteriormente, cando lle aplicamos calor este ácido descomponse, mediante unha reacción química, e transfórmase noutros compostos que non son brancos senón marróns/ocres (carbono), e que polo tanto xa son visibles na folla de papel branco. Ao longo da historia, temos múltiples exemplos de emprego deste tipo de tintas para a espionaxe.
Se queres saber máis sobre actividades relacionadas con espremer podes mirar nun antigo post sobre vida práctica, premendo no título: ESPREMER LARANXAS
Comentarios
Publicar un comentario